25/02/12

175 ANIVERSARIO DE ROSALÍA DE CASTRO

O pasado venres 24 conmemoramos o 175 aniversario do nacemento da poeta máis representativa e querida da lingua e da literatura galegas: Rosalía de Castro
A publicación do seu libro Cantares Gallegos, o primeiro escrito integramente na nosa lingua,  sinala o inicio da restauración do uso escrito do noso idioma e o final de séculos de silencio e esquecemento.
A súa obra é un retrato do pobo galego e goza dunha total actualidade. 
Desde o século XIX, Rosalía de Castro foi homenaxeada polas galegas e os galegos como poeta nacional, pois asumiu a voz do seu pobo, voz que guiou permanentemente a súa obra e o seu pensamento. 
A galeguidade intrínsecados seus textos, esta comunicación e entendemento permanente co seu pobo, ao se dirixir a el no seu idioma propio, foi o que a fixo tamén poeta de todos os pobos, chegando a formar parte da nómina de escritoras máis destacadas da literatura universal de todos os tempos.

Neste vídeo escoitaredes a Amancio Prada poñéndolle música e voz ao poema de Rosalía de Castro, "Adiós ríos, adiós fontes".

A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) anima a conmemorar este acontecemento agasallando un libro e unha flor.


Podedes ver aquí as actividades das Bibliotecas Escolares Galegas.

Vía AELG

24/02/12

RECOMENDACIÓNS SEMANAIS

Presume de ler e déixate ver


Miguel Suárez Carnota, 4º ESO
Febre, Héctor Carré


Febre , unha obra de Héctor Carré , na que a protagonista é Carmucha, unha moza de dezasete anos que, ademais de ser moi valente e botada para adiante, é tamén algo incauta. Un día vai ás minas de volframio , nas que se cometen grandes inxustizas, e ademais tamén ve a vida desde outra perspectiva e desde outros lugares, por exemplo desde os barrios baixos, onde viven vagabundos , prostitutas, etc. e nos que se da conta do que fai o cabo Marelo, un policía corrupto. Sendo consciente da actitude daquelas mulleres, decide deixar a súa vida de señorita e poñerse ao servizo das persoas máis humildes. Desde ese momento métese de cheo no negocio do volframio e vanlle pasando diferentes episodios  nos que vai madurando como muller e descubrindo cousas que lle fan cambiar na forma de pensar acerca da maioría das persoas que a rodean. 
Eu recomendaríao, xa que é un libro que, a pesar de ter case 300 páxinas, lino rápido porque é moi entretido.

23/02/12

IMOS AO TEATRO: LA SOMBRA DE LEAR



Un rei, Lear, vello e canso, decide repartir o seu reino entre as súas tres fillas, con todas as riquezas, autoridade, poder e obrigas que leva, mantendo para si mesmo só a coroa e o título de monarca. Con todo, as fillas traizóanlle, cada unha á súa maneira, e o rei vese só, enfermo e desprezado, enfrontado a un destino miserable que el mesmo puxo en marcha. Arrastrándose á morte, coñecerá a tolemia, a vergoña, a fidelidade, a alegría e o horror. 
Será un único actor o que poña en escena a súa versión de O rei Lear, de Shakespeare. Este único intérprete empéñase en contar a traxedia do soberano Lear, el só. Pero, seica é posible? O actor loita contra si mesmo, contra o seu medo a xulgarse, á crítica, ao fracaso, a resultar patético... 
Esta é a montaxe que "Ultramarinos de Lucas" ofrecerá o día 1 de marzo no Forum Metropolitano da Coruña e á que asistirá o alumnado do noso instituto. 

22/02/12

ANTONIO MACHADO


No 73 aniversario do seu pasamento, A Esperela quere homenaxear o xenial poeta Antonio Machado, membro da Generación del 98
Lede este poema e escoitádeo musicado por Joan Manuel Serrat:


Ya hay un español que quiere
vivir y a vivir empieza,
entre una España que muere
y otra España que bosteza.

Españolito que vienes
al mundo te guarde Dios.
una de las dos Españas
ha de helarte el corazón.



21/02/12

MEMORIAS DE UN HOMBRE EN PIJAMA





Como xa saberedes, a película de animación baseada no cómic de Paco Roca, Arrugas, vén de gañar dous premios Goya: a mellor guion adaptado e a mellor película de animación.


Como este cómic ten moito éxito entre o alumnado, aproveitamos para recomendarvos outro do mesmo autor: Memorias de un hombre en pijama.





Nesta recompilación de historietas (cada unha de catro viñetas), Paco Roca conta de forma bastante autobiográfica a vida dun home de corenta anos que cumpre o soño da súa vida: quedar na casa todo o día co pixama posto. Por medio destas viñetas fala dos seus problemas amorosos, dos seus amigos, das "comeduras de coco" do traballo na casa, da crise dos corenta, das súas visitas ao ximnasio, da súa infancia... cunha mirada festiva, tenra, como intentando ver as cousas por primeira vez, coma un neno.

Nesta obra, Paco Roca abandona ese ton amargo que amosou en Arrugas e consegue, tamén a partir do realismo, facernos rir.
Se estades interesados, pasade a recollelo pola Esperela.

19/02/12

MORRE O GUITARRISTA ENRIQUE SIERRA


Este 17 de febreiro morreu Enrique Sierra, guitarrista, produtor e compositor español. Foi protagonista da Movida Madrileña e cofundador de Kaka de Luxe e do mítico grupo Radio Futura, no que aportaba a estética punk característica dos comezos do grupo.
Cocreador e guitarrista de cancións como "La estatua del jardín botánico", é considerada unha das 200 cancións máis importantes do rock español. Velaí a tedes neste vídeo:


Non vos perdades outras cancións como "Escuela de calor", "La negra flor" ou
    "Veneno en la piel".